lunes, mayo 01, 2006

Arte contemporanea atravesada axiña nunha escaleira



Miguel Calvo
O nacemento da revolución industrial supuxo un duro golpe para a arte tradicional en moitos aspectos. Retratar a unha, cada vez máis, fosilizada dánae comezaba a non ter moito sentido e, sinxelamente, coma sempre foi, tendeuse, por parte dos máis audaces, á experimentación estética e plástica. O curioso é que neses anos, a revolución industrial tamén supuxo o nacemento dun novo comprador da arte tradicional, ó que, pouco a pouco, as milenarias fazañas gregas que mercaba para colgar nas escaleiras, deixaron de interesarlle.
Un novo mundo naceu na arte. Non se produciron rupturas excesivamente radicais, (só algúns pequenos escándalos que por outro lado empezaban a ser ben vistos, e que só ofendían a catro burgueses pouco previsores), senón progresivas conquistas cara un arte distinto, novo, que bebía do anterior pero que se achegaba a algo desconocido, e que supuxo certo incertidume, propio de finais de tódolos séculos, unha confusión apta para a efervescencia da nova creación. O cotarro socio-cultural que se estaba a vivir parecía favorecer as cousas. De súpeto, o novo, o rompedor, o escandaloso era sinónimo de éxito. Os compradores de arte comezaban a colgar cousas nunca vistas nas escaleiras. O artista comezou a investigar con máis liberdade. E case todas estas investigacións foron na súa maioría, primeiro rexeitadas e despois progresivamente aclamadas.
Esta tendencia experimental foi unha constante nos primeiros anos do século XX. Primeiro acabou de racharse totalmente coas formas, camiño que xa comezaran os impresionistas e Cezanne, ata chegar mesmo a abstracción. Agora colgaban das escaleiras cadros incomprensibles de mulleres deformadas,cadros de guitarras con periódicos...Algún dono de escaleira mesmo aumentou as escaleiras e fixo acopio de obras que valían case tanto como as súas fábricas. E algúns artístas gañaban tanto, que podían mesmo mercar as súas propias obras. O único que había que facer era poñer en dúbida o arte establecido. Innovar.
E de súpeto, Europa entrou en conflicto. Guerra, Revolución soviética, tensións sociais... Os artistas creaban coma tolos. Nunca tanta efervescencia cultural se producira antes. Todo era cada vez máis veloz, a información era maior... En Rusia, (nuns efímeros primeiros anos de revolución), os artistas foron animados polo estado proletario en homenaxe a obreiros e campesiños a realizar as ideas máis tolas, que pola súa utopía tiñan tamén tiñán moito de absurdo e de destructivo-constructivo. Mentres, a nova arte ía saindo ós salóns e ás rúas e mesmo se introducía nas máis rancias institucións.
Os artistas de maior éxito (en vida ou despois en morte),a maioría exiliados, contaban nas súas filas con varios bebedores de absenta de París que pintaban un mundo cada vez máis íntimo, persoal e hermético, varios místicos e teósofos que teorizaban e teorizaban sobre a arte, realizando cada vez mellor exactamente a mesma cousa, e uns cantos terroristas artísticos que buscaron o absurdo da vida mediante estéticas gamberradas.
Entre eles, quizais cunha mestura deles, xurdiu a figura de Duchamp, que, camiñando pola liña da evolución artística cara ningures inaugurada pola industrialización, cortouna, probablemente sen darse conta nun principio, deixando as vindeiras xeracións, esta vez sí, co incertidume do infinito na arte.
Se ben o mundo artístico nestes anos non parou de avanzar, Duchamp e o seu anti-arte, irreverente e destructivo, negativo en moitos aspectos, crearon unha revolución na que todo era posible. Abriron a caixa de Pandora o abrir unha nova e virxe dimensión na conciencia estética. Duchamp e algún máis descubriron o que significaba a nova arte en realidade. Coas súas obras , cambiárono todo e situaron a arte no ollo do espectador. Ou cambiaron a arte ou crearon a arte do cambio Esto poderíase considerar unha evolución lóxica da arte obxetual cara “outra cousa”. O cambio que trouxo a industrialización trouxo cambio.
Picasso e cía. racharon estéticamente co establecido. Duchamp e cía., conceptualmente. Ó menos nun principio, non pretendeu ningunha reflexión espiritual ou formal (ainda que esto sexa moi discutible) coas súas obras, senón unha reflexión meta-artística de carácter radical, pero sen sairse da arte, e dicir, non destruindo a arte tradicional, senón reafirmandoa. Un movemento de xadrez, que xeneraría infinitas posibilidades.
As súas ready mades, os seus objet assisté tiñan algo de nihilismo. Con elas respostaba as clásicas preguntas sobre a arte e o seu significado, non con sesuda teoría (ou quizais sí), senón con exercicios prácticos. Nun principio, foron unha influencia directa cara os seguintes, e tamén trastornados exploradores surrealistas, pero a influencia que veu despois acabaría por converterse na morte (suicidio)e posterior renacemento da nova arte establecida.
Esta crítica (¿crítica?) rozando o subversivo fixo necesario un replantexamento da arte. Duchamp, amante da escaleira, tíñase que sincerar irónicamente con ela Pero seguía a ser arte para colgar na escaleira, ainda que fose un urinario... ou unha lata de merda.


A arte actual busca outra revolución como a de Duchamp. Pero por outro lado, está saturada de revolucións. Nunca tanta efervescencia artística e comunicación cultural entre pobos exitiu no mundo. A arte acelérase, e as alternancias históricas e as modas que se repiten unha e outra vez son cada vez máis fugaces, máis rápidas. A roda con que esquematizan algúns historiadores da arte esta alternancia xira hoxe a tal velocidade, que non se pode dibuxar sen que salga movida. Non se pode obter xa un referente que non traia millóns de satélites por descubrir. Non se pode crear sen estar roubando.
Hoxe hai unha riqueza cultural e unha información tales, que o arte que se está a facer perde moito sentido. Semella que se estean a pintar dánaes momificadas. E semella que canto máis se avanza, a confusión é maior. Hoxe, máis que nunca a arte precisa estar nunha escaleira como única forma de supervivencia post-duchamp. Arte para estar colgado nela.
O conceptual está presente, estéticamente ou non, e o artista é cada vez máis un individuo. Dun ou outro xeito, tódolos movementos artísticos posteriores, tiveron xa en conta a reflexión sobre a propia arte de Duchamp. Precisaron para crear, indagar sobre o que fan dende dentro, e tratar de entender a súa función, que non é só estar sobre un pedestal arbitrariamente. A arte ten que ser hoxe filla desta reflexión, pero ten que superala, se é que é posible, dende o impulso creador individual e particularísimo de cada un. Sexa arbitrario ou non. Crear como tentar non perder ó xadrez, para que siga a partida
Non son un fanático o que lle gustaría destruir a escaleira do comprador para crear arte novo, pese a que esta escaleira ten, por pura experiencia histórica, os días contados. Quizais habería que construir outra, na que colgar este arte. Mentres tanto hai que crear (así se está a facer, e se seguirá facendo, qué remedio lle queda á humanidade), en homenaxe á individualidade.