jueves, noviembre 01, 2007

www.christies.com: Unha analise dende a casa.

Por Miguel Calvo

O mercado tradicional de arte ten en casas de subasta como Christie’s ou Sotheby’s a dous estandartes de prestixio e calidade. Dende os comezos da era contemporanea, foron pioneiras en promoción e venda de arte, situándose sempre na vangarda do estudio do mercado, e chegando a ter na actualidade o liderazgo, tanto nas elevadísimas sumas que manexan, como no innegable nivel do producto co que comercian. Elegancia e eficiencia británicas reúnense para vender as obras máis interesantes dos últimos 150 anos, todas dunha calidade artística e histórica sorprendentes. Nese senso, a casa Christie’s reune cada certo tempo vertixinosas coleccións do mais selecto do panorama artístico, abarcando todo tipo de épocas, estilos e autores, incluidos, por suposto, os máis actuais.
Unha institución destas características, cos mellores asesores económicos e artísticos (e onde ambos se confunden cada vez máis), optou por modernizarse cos inminentes avances no eido da telecomunicación que estamos a vivir dende hai uns anos. A súa páxina é un exemplo de cál debe ser o camiño axeitado para a correcta evolución do mercado, da man das novas tecnoloxías. Como fai anos, coa introducción do teléfono como ferramenta a empregar nunha subasta, o ordenador persoal ten hoxe tódolos síntomas de chegar a ser un utensilio insistituible, tanto pola súa utilidade práctica á hora de axilizar diversas transaccións a nivel global, como pola irrefrenable chamada do porvir no ámbito da comunicación, que claramente vai por ese camiño. Se a mediados do século XVIII, o fundador da casa de subastas, James Christie aproveitou a efervescencia do Londres posterior á revolución industrial vendendo todo tipo de obras de arte a un público burgués ávido de cultura, hoxe en día, a casa Christie’s, con ese espírito entre o revolucionario e o tradicional, permite ó comprador poder facelo directamente dende o seu fogar por medio desta interesante páxina. Cun sixelo clic, o usuario poderá converterse nun intre en posuidor dun Francis Bacon.
A benvida da páxina pode ser, na primeira ollada, excesivamente limpa e lacónica no seu deseño. Cores discretas e elegantes apenas destacan, dando protagonismo aos constante e eficientemente actualizados anuncios de subastas, situados no centro da pantalla. Pero unha vez analizado, o deseño cumpre con creces os obxetivos de informar con detalle sen renunciar á estética. Eliminado todo o superfluo, quedámonos só co imprescindible. Un dintel na parte superior, coronado pola imaxe corporativa da casa, ábrenos un abano de posibilidades no seu menú de navegación. Ao pasar o punteiro do rato por cada casilleiro do menú, ábrense submenús ocultos cun amplo e cómodo marxe para atopar o buscado. Aplicando unha gran sinxeleza en concepto de deseño, atopámonos cunha inmensa cantidade de datos que son doados de buscar, rápidos de consultar e axeitados para a imaxe dunha casa co prestixio de Christie’s, que sempre fuxiu de barroquismos acartonados. Para regocixo dun usuario acostumado a sufrir todo tipo de torpezas nas súas consultas, nesta páxina todo está no sitio axeitado, non sobrando nin faltando nada.
Unha vez nos movemos na web, topámonos con numerosos e interesantes atractivos. Un deles é precisamente poder seguir as subastas on-line a tempo real (christie’s live) e mesmo poder poxar. Para todo isto, hai que rexistrarse na web, dando a coñecer diferentes datos, como un número de conta bancaria. Eu, ao non posuir precisamente unha conta coa que codearme cos multimillonarios clientes de Christie’s. non cheguei a dar eses datos, quedando fora do selecto clube de usuarios, que, ao menos polo insinuado, teñen infinidade de útiles servizos. Sen embargo, e ahi está o verdadeiro atractivo do sitio, a miña curiosidade quedou máis que saciada como visitante. Case como un voyeur... A posibilidade de visualizar os detallados e exquisitos catálogos das obras en subasta, o asesoramento personalizado por parte dos mellores especialistas, as extensas notas de prensa que informan de cada actividade, e todo tipo de datos de grande utilidade fan desta páxina un sólido vademécum artístico para estudiantes, historiadores, coleccionistas ou curiosos.
Os catálogos das obras a subastar son certamente interesantes. Deixando a parte os numerosos datos técnicos ou económicos que acompañan a cada obra, todo está estudiado e analizado dunha forma soberbia. Conta con prácticas notas que explican ou axudan a explicar a obra, e non só no eido da arte, senón tamén no da historia, no da economía ou mesmo en aspectos fiscais. Por suposto, é de agradecer a nutrida selección de bibliografía coa que o posible comprador pode informarse de ata o último detalle da obra. Un exemplo pode ser a obra de René Magritte “Le prêtre marié” (1961), cun precio estimado de 3,000,000 de libras esterlinas. Os datos que acompañan a imaxe da obra son inagotables. Todo o que rodea á obra é minuciosamente analizado e posto a disposición do visitante: A súa historia e a dos seus propietarios, a fecha exacta dos seus traslados, infinidade de bibliografía que aclararía calquera dúbida sobre esta ou calquera outra obra do autor... Mesmo se adxunta un extenso texto dos propios especialistas de Christie’s, verdadeiros sabios da arte como mercado, ou do mercado como arte. E todo isto tratado coa exquisita delicadeza que require o estudio dunha pintura como esa.

Outro servizo interesante da páxina é a posibilidade de adquirir os exemplares impresos dos catálogos, que, pese o que poida parecer non teñen prezos excesivamente desorbitados. Asimesmo, tamén se pode suscribir ás diversas publicacións que surxen ó abeiro desta casa.
Evidentemente, e quizais isto é o que máis me interesa da páxina, as fotografías das obras teñen unha excelente calidade. Respétanse dentro do posible as calidades, texturas e cores orixinais, e as imaxes son susceptibles de descargar e imprimir, pese ao copyright, por todo visitante interesado. Se cadra, a resolución das mesmas non e todo o grande que debería, pero dada a cantidade de imaxes almacenadas, é o máis cómodo e áxil para o usuario.
Os especialistas e tasadores de Christie’s están por todo o mundo á procura dun novo tesouro artístico ou cultural. A páxina pon a disposición do usuario os seu correos electrónicos para contactar con eles, e tamén informa das fechas nas que será posible velos en conferencias, charlas ou outros eventos promovidos pola propia casa de subastas. Este tratamento case estelar dos seus excelentes investigadores, é, en parte, a filosofía que permitiu dotar dun indudable prestixio á casa dende a súa fundación. Outras características que lles permitiron acadar esas cotas, son, por suposto, o “incalculable” valor artístico e cultural das obras subastadas, e, en moitos aspectos, o afán de expansión por todo o planeta, que dende os comezos, neses tempos de atroz colonialismo, permitiu a exploración cultural e dar a coñecer xoias de todos os rincóns da terra. Ese espírito segue vivo hoxe, cando ese colonialismo mutou para acomodarse aos novos tempos. O cuartel xeral desta casa, xenuinamente británica, atópase en Londres, pero, a páxina terá ámplia información sobre as outras doce sedes que se atopan por todo o globo, unha das cales se sitúa en Madrid.
E isto entronca co único erro que lle vexo a esta excelente web: A ausencia dunha traducción para poder acceder á paxina noutro idioma. O feito de que os seus textos sexan exclusivamente en lingua inglesa, pese a ser algo lóxico e comprensible, non deixan de ter un certo e sutil simbolismo. E máis ainda ó comprobar que a sede de Christie’s en París, que está relacionada coa principal como un importante enlace na páxina, posúe a súa propia e independente dirección web en idioma francés. O español, pese a que sexa un importante idioma tendo en conta o número de usuarios que o falan, brila pola súa ausencia en www.christies.com
Non podo deixar de falar doutro enlace estreitamente relacionado coa páxina principal. Tratase do Christie’s images (www.christiesimages.com), onde se poden atopar entre incontables e interesantísimas imaxes, todo tipo de xoias artísticas realmente valiosas para os ollos e para o espírito. Isto para un artista, un crítico ou un historiador da arte (todas vocacións que se alimentan do visual), terá un valor incalculable, non só como consulta senón tamén como pracer e disfrute.
Así pois, tanto na realidade como no virtual, a arte con maiúsculas respírase na esencia de Christie’s, pero non é a única mercancía que está á venda. Aquí pódese mercar dende estatuiñas das cícladas ata sofisticados viños de elevadísimos precios. Dende o traxe de Tony Manero en Saturday Night Fever ata o osiño de peluche da Raiña Victoria. Dende un cadro recén descuberto de Lucas Cranach ata unha Stratocaster destrozada de Jimi Hendrix... Todo isto, e coñecendo as obscenas sumas que se chegan a pagar, da lugar a unha interesante reflexión sobre as élites que nos gobernan e os seus frívolos intereses, inalcanzables para o resto dos mortais. Con esta páxina web, Christie’s nos da, en certo senso, a democracia virtual da arte, compartindo con todos os que a visitan dende a comodidade dos seus fogares, sen ter que desplazarse a St. James, a contemplación das mellores obras de arte que hoxe en dia se poden comprar ou vender.

Febreiro, 2007.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Miguel!un pracer poder seguir aprendendo, agora a través da rede (unha aprendizaxe dende a casa)
Oxalá segas publicando, un abrazo onde queira que estés.